A evolución nas comarcas de Santiago, Vigo e Ferrolterra, no foco do comité clínico
De como evolucione a pandemia nestas próximas xornadas dependerá que se endurezan ou non as restricións en Galicia. En Santiago temen medidas máis drásticas que poderían afectar tamén aos concellos limítrofes de Teo e Ames. Pero no comité clínico non poñen só o foco nesta comarca.
"Temos unha preocupación máis xeneralizada. É verdade que en Santiago se tomaron medidas recentemente e que a resposta non está sendo aínda a que nos gustaría. En Ourense tomáronse medidas máis restritivas e está mellorando. E preocúpanos nos últimos días a evolución noutras comarcas, como as de Ferrol e Vigo", aseguraba en declaracións a Televisión de Galicia o membro do comité clínico Pedro Rascado.
De feito, Vigo é a área sanitaria máis afectada, con 1.500 casos e 173 novos contaxios só nas últimas 24 horas.
Ferrolterra é das comarcas cunha peor evolución da epidemia nas últimas semanas.
Mentres, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés é a segunda, despois da de Ourense, en suspender as operacións cirúrxicas non urxentes. O doutor Pedro Rascado incide na importancia do diagnóstico para evitar a saturación dos hospitais.
"Hai unha porcentaxe de doentes que acaban hospitalizados, e unha porcentaxe de doentes que ingresan na UCI, e se non controlamos a pandemia fóra dos hospitais pois incrementarase o problema nos hospitais", aseguraba o doutor.
Pedro Rascado lembra que ninguén está libre, incluso a xente nova sa, de ter complicacións da covid−19 que conduzan a unha unidade de críticos.
Lembra tamén a importancia de estar con máscara sempre que nos xuntemos coa xente que non viva con nós. A máscara, conclúe, é de momento a única vacina que temos.