CRTVG

Buscar

A eutanasia abre camiño en España cun amplo apoio no Congreso

Publicado o 17/12/2020 16:47

A eutanasia abre camiño en España tras a aprobación este xoves no pleno do Congreso, cunha ampla maioría e o voto en contra do PP, Vox e UPN, da proposición de lei que regulará a axuda médica para morrer.

Tras un duro debate sobre a vida, a morte e o dereito de cada persoa para poñer fin a sufrimentos intolerables sen perspectiva de curación ou melloría, 198 deputados votaron a favor da lei, 138 en contra e 2 abstivéronse, co que a norma pasará agora ao Senado e será aprobada definitivamente en 2021.

PP e Vox reivindicaron os coidados paliativos como alternativa á eutanasia, pero o resto do hemiciclo subliñou que non bastan e apostou por unha lei considerada garantista e que amplía dereitos despenalizando a axuda médica a morrer nun centro sanitario ou no domicilio, tras un proceso deliberativo e co control dunha comisión especifica.

O dereito á eutanasia incluirase como unha prestación no Sistema Nacional de Saúde, o paciente deberá confirmar a súa vontade de morrer polo menos en catro ocasiones ao longo do proceso, e os médicos poderán acollerse á liberdade de conciencia.

Os nomes de Ramón Sampedro, Maribel Tellaetxe, María José Carrasco e o seu marido Ángel Hernández, o médico Luís Montes ou a organización Dereito a Morrer Dignamente foron lembrados en moitos dos discursos nunha sesión que concluíu cun longo aplauso.

"Como sociedade, non podemos permanecer impasibles ante o sufrimento intolerable que padecen moitas persoas; España é unha sociedade democrática o suficientemente madura como para afrontar esta cuestión", subliñou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, ante unha lei que, dixo, impón "sentido común e humanidade".

Desde o PSOE, impulsor da iniciativa, tomou a palabra a exministra de Sanidade María Luisa Carcedo, quen defendeu unha norma que avanza en dereitos civís; que pensa na "condición humana", que é vida, pero tamén enfermidade, padecimiento e morte; e que fala de "humanidade, empatía e compaixón".

Carcedo quixo deixar claro que o Estado "nin impón nin obriga", pois a eutanasia queda como unha decisión autónoma do paciente, e rememorou como a dereita no pasado embarcouse tamén en "batallas apocalípticas" ante outros dereitos, que, "pasado un tempo, asúmense e, pasado un tempo, practícanse". Lembraba así, como fixeron Cs, Más País e EH-Bildu, o rexeitamento do PP ás leis do divorcio, o aborto e o matrimonio homosexual.

Para o PP, con todo, esta lei é "unha derrota para todos, un fracaso do sistema sanitario e da sociedade", cando a resposta ante o sufrimento dos vulnerables debería ser "non abandonar nunca aos que sofren, non renderse e dar coidado, compañía, consolo, amor e esperanza", en palabras de José Ignacio Echániz.

No seu discurso, acollido con aplausos desde a bancada do PP, criticou que se despenalice a eutanasia no ano da pandemia, no que a sociedade contraeu unha débeda cos maiores e os sanitarios, e defendeu un sistema de coidados paliativos personalizados e avanzados como alternativa "xusta, útil e oportuna" a unha lei "inxusta, inoportuna, chafalleira e inconstitucional".

Máis dura foi a intervención da deputada de Vox Lourdes Méndez, quen denunciou que a lei supón unha "traxedia para España" porque é "desapiadada, inxusta e ilexítima", " euxenésica e criminal", quebranta o dereito á vida e "obriga ao Estado para matar". Méndez, que adiantou que a recorrerán ante o Tribunal Constitucional, afeou que o Congreso aprobe esta norma "mentres o mundo celebra o nacemento do fillo de Deus" e acusou aos deputados que a apoian de "instaurar a industria da morte".

Desde Unidas Podemos, Rosa María Medel insistiu en que non implica ningún tipo de imposición, só un novo dereito, e criticou que o PP e Vox queiran negarllo a quen non teñen diñeiro ou non pensan como eles, pois o dereito a unha morte digna, apuntou, "sempre existiu para quen pode pagala".

"É falso que sexa unha lei de morte: é unha lei de vida que che permite vivir coa confianza de que morrerás como ti queres, non como os outros desexan", afirmou desde ERC Pilar Vallugera.

"Hoxe ninguén perde ningún dereito, todos avanzamos un pouquiño máis na nosa liberdade", reiterou a líder de Cs, Inés Arrimadas, para ratificar o seu apoio a unha norma "garantista" que non impón crenzas nin decisións.

Tras unha profunda reflexión, o PNV tamén considerou "moralmente aceptable" despenalizar a eutanasia cun texto "sólido" que dá garantías e seguridade a pacientes e profesionais, desde o convencemento, dixo Joseba Andoni Agirretxea, de que é obrigado "lexislar máis aló do código ético de cada un" e ser "misericordiosos" co sufrimento alleo.

Na mesma liña, JxCat rexeitou impoñer "a moral e a fe" de cada un ao resto dos cidadáns. Desde a tribuna do hemiciclo, ao PP e a Vox só uniuse a voz de UPN. 

 

Noticias web

17/12/2020