CRTVG

Buscar

A Eurocámara vota a inmunidade de Puigdemont con división no Goberno

Publicado o 08/03/2021 21:08

O Parlamento Europeo votou este luns o suplicatorio dos eurodeputados de JxCAT Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí. O resultado coñecerase oficialmente mañá. A elección dividiu os partidos da coalición do goberno español, PSOE e Unidas Podemos (UP), que se pronunciaron a favor e en contra, respectivamente.

As forzas con maior representación na Eurocámara —o Partido Popular Europeo, o socialdemócrata e o liberal— esperan que a gran maioría dos seus eurodeputados, nunha elección que é secreta, voten a favor do suplicatorio, segundo explicaron fontes das tres formacións. De confirmarse ese resultado, que se dará a coñecer mañá á 9 hora local (8 horas GMT), poderíanse reactivar as euro-ordes contra Puigdemont, Comín e Ponsatí, paralizadas desde que a principios do ano pasado estes asumiron o seu escano europeo.

"Acabo de votar no Parlamento Europeo, xunto aos deputados do grupo do PPE, a favor de levantar a inmunidade aos tres fuxidos da xustiza española", anunciou en Twitter a eurodeputada Dolors Montserrat. Fontess do PPE apuntan que os seus 175 eurodeputados votaron en bloque a favor de levantar a inmunidade aos líderes independentistas.

No grupo socialdemócrata (145 membros) explican que a decisión non se discutiu internamente, pero que "a liña do grupo é a de votar a favor", porque os feitos polos que o Tribunal Supremo reclama a Puigdemont, Comín e Ponsatí producíronse antes de que saísen elixidos como eurodeputados. Polo menos dous eurodeputados socialdemócratas, a flamenca Kathleen Van Brempt, e o polaco Lukasz Kohut, anunciaron publicamente o seu rexeitamento ao levantamento da inmunidade.

Nas filas liberais (97 deputados), mostráronse hoxe convencidos de que polo menos "máis da metade" dos seus membros, entre eles as delegacións máis numerosas, votarán a favor do suplicatorio, mentres que os conservadores e reformistas cren que só os independentistas flamencos, que supoñen tres dos seus 63 deputados, diferirán da liña do resto do partido para votar en contra.

Por contra, a Verdes/Alianza Libre Europea anunciou o voto en bloque dos seus 73 deputados en contra e fontes da Esquerda apuntan a que, salvo algún posible voto a favor residual, unha ampla maioría votará en contra.

Entre os partidos españois, o grupo de Unidas Podemos anunciou este luns mediante un comunicado o seu voto en contra do suplicatorio, a contraria que asumirán os deputados do PSOE. "O levantamento da inmunidade só ten como consecuencia a posibilidade de que se volva solicitar a súa extradición aos tribunais belgas. A xustiza belga xa determinou en varias ocasións que o Tribunal Supremo español non ten competencia para solicitala", dixo nun comunicado a delegación europea de Unidas Podemos.

Refírese á sentenza que en xaneiro emitiu o Tribunal de Apelación de Bruxelas mediante a que rexeitaba a entrega a España do exconseller Lluís Puig alegando que o Supremo non era o órgano capacitado para pedir a euro-orde.

"O voto sobre a nosa inmunidade non é só sobre nós os tres", dixo hoxe en Twitter o expresidente catalán. "O voto de hoxe é sobre que valores defendemos, que idea de democracia temos, que futuro queremos construír en Europa".

Con todo, os avogados dos líderes independentistas presentarán un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se perden a votación, e iso podería atrasar o proceso xudicial sobre a extradición. Segundo explicaron a EFE fontes da defensa, poderían pedir aos xuíces encargados de decidir a posible entrega a España que esperen ao fallo de Luxemburgo sobre o suplicatorio antes de ditar sentenza.

Ademais, o futuro das euro-ordes podería estar condicionado tamén por unha posible cuestión prexudicial ao TXUE do maxistrado do Supremo Pablo Llarena sobre o rexeitamento da xustiza belga a entregar a Puig.

Llarena quere que o TXUE se pronuncia sobre as posibilidades que existen para poder rexeitar a entrega dunha persoa reclamada e, conforme á resposta de Luxemburgo, podería optar por manter ou enviar novas euro-ordes contra Puigdemont, Comín e Ponsatí. 

Noticias web

08/03/2021