CRTVG

Buscar

Un estudo estatal analizará na Estrada a inmunidade das vacinas contra a covid-19

Publicado o 13/10/2021 13:52

Trátase dun estudo que dirixe o Instituto Carlos III e que tivo en conta a traxectoria investigadora deste centro de saúde galego, un dos dous únicos ambulatorios de todo o Estado que participan no proxecto. O resto son hospitais: quince centros en total. Queren ver como se comporta co paso do tempo a inmunidade das persoas maiores de 65.

"Por unha banda, para comparar coas persoas menores de 65 e por outra parta ver a evolución co paso do tempo, que é importantísimo porque vai determinar a necesidade ou non de revacinar", explica Carmen Fernández Merino, médico de familia e investigadora principal do estudo.

A metodoloxía inclúe tres treitos de idade, entre 65 e 75, entre 75 e 85 e maiores de 85. E os resultados compáranse cun grupo de control de persoas novas. En total participarán máis de cen pacientes voluntarios deste centro de saúde, que aínda non foron seleccionados. A primeira analítica faránllela uns días antes da administración da terceira dose.

"Vólvese repetir a análise aos 28 días, aos tres meses, aos seis meses e ao ano", engaden dende o Centro de Saúde.

Cinco analíticas en total a cada un, que permitirán observar e extraer conclusións sobre a evolución desa protección fronte á covid.

Noticias web

13/10/2021