CRTVG

Buscar

A Estrada ponse de festa sen deixar de coidarse da covid−19

Publicado o 27/06/2021 15:09

As ganas de diversión e de pasalo ben volveron esta semana á vila pontevedresa da Estrada, que puido recuperar un pouco do sabor de sempre da festividade do San Paio. E xa dende esta mañá as charangas comezaban a quentar o ambiente.

"A ver se pouquiño a pouco imos volvendo a este mundo de verbena e da festa, e a xente ten ganas de festa e, sobre todo, de desfrutar", contaba Manuel Liste, da charanga BB+.

O virus está aínda presente, pero despois dun ano de restricións, a xente empeza, con precaucións, a recuperar as ganas de estar na rúa.

"A alegría pídese para o corpo e para todo, e para as festas. Hai ganas", comenta un veciño. "Moita xente, vese ben, moi animado estes días, pero hai que ter moito coidado, que aínda temos virus", comenta outro.

Na noitiña de onte non faltaron as verbenas e as orquestras coma Os Satélites, que o puxeron todo da súa parte para recuperar vellas sensacións entre os festeiros. Unha xornada, iso si, con actuacións perimetradas, limitación de espectadores e atraccións para os máis pequenos tamén vixiadas. A precaución foi a consigna da noite.

"Non houbo ningún problema —relata Patricia Hermida, a directora de produción destas festas de San Paio—. Respéctase perfectamente a distancia, a xente vén coa súa máscara, entende que non pode beber nin comer nestes espazos onde se pode participar de pé, e o resultado foi fabuloso. Ver como a orquestra e o público están en perfecta sintonía para o cumprimento dos protocolos".

A celebración segue toda a tarde, con música, maxia e cómicos.

Noticias web

27/06/2021