A Estrada acolle a primeira feira galega de froitos vermellos
Na parroquia de Beira, no concello coruñés de Carral, Adrián cultiva uns 3.000 metros cadrados de amorodos. Agora está a punto de rematar unha tempada que empeza en abril e pode chegar a outubro se o tempo acompaña. E é precisamente estas últimas semanas de campaña cando é máis rendible ao non ter que competir en prezo con outros produtores foráneos. Adrián Crespo, produtor de amorodos: "Foi un ano bastante complicado polo tempo, pero saíu un produto dunha excelente calidade e un sabor tamén excelente. Moi bo. Todo o mundo que proba di que ten o sabor de amorodo que non recordaban desde hai anos".
Con 28 anos e despois de estudar Enxeñería agrícola, decidiu retomar a produción de amorodos que hai un par de décadas abandonaran os seus avós. Di que lle compensa o traballo que dan. Esta noite recollerá os froitos que vai levar mañá á primeira Feira de Froitos Vermellos de Galicia, que se celebra na Estrada, promovida pola asociación Berries Galicia. Adrián Crespo, produtor de amorodos: "Vai haber os diferentes produtos que temos na asociación e ademais degustación de produtos de pastelería e pan. Que se anime a xente e que veña a probalos".
Unha vintena de explotacións das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra forman parte de Berries Galicia. Cada ano producen uns 14.000 quilos de arandos e 12.000 de amorodos cos que queren competir nun mercado dominado por grandes empresas de fóra.