CRTVG

Buscar

A estación de Vigo Urzáiz, sen venda presencial de billetes mentres duren as obras

Publicado o 18/03/2021 19:00
A estación de Vigo Urzáiz, sen venda presencial de billetes mentres duren as obras

Renfe concentrará a venda presencial de billetes na estación de Vigo Guixar a partir do próximo luns, día 22, debido ás obras que levan a cabo na estación de Vigo Urzáiz, situación que foi obxecto de críticas por parte da CXT.

A medida anunciada este xoves por Renfe débese ás obras da nova estación da AVE e do centro Vialia, que desde o luns obrigarán os pasaxeiros a acceder á estación de tren de Urzaiz por Vía Norte e a comprar os seus billetes con cartón nas máquinas expendedoras.

De preferir a venda presencial, os viaxeiros terán que adquirir os seus billetes na estación de Guixar, situación que se manterá ata que as novas dependencias e despachos de billetes da estación de Urzáiz estean finalizadas e operativas.

Tamén poderán comprar billetes en efectivo a través do persoal de intervención unicamente para trens de saída inmediata desde Vigo-Urzáiz. Para a CXT, sinala o sindicato nun comunicado, este anuncio demostra falta de previsión e a descoordinación entre o Ministerio de Transporte, o Adif e Renfe.

O sindicato critica que pese ao atraso nas obras da nova estación de Urzáiz no interior do centro Vialia se vaia a inaugurar o vindeiro luns un novo acceso sen que se terminaron as obras das oficinas de venda de billetes, quedando a disposición dos usuarios unicamente máquinas de autovenda que só admiten cartón e o citado persoal de intervención.

Así pois, Renfe instalará no novo vestíbulo da estación postos de información con persoal que ataagora atendía a venda e reforzará con persoal de intervención a venda presencial para trens de saída inmediata desde Vigo-Urzaiz, di o sindicato, que asegura que se manterá vixiante para que se adopten as medidas sanitarias nestes postos de traballo provisionais, que calcula se manterán ata maio.