A escola Meniñeiros de Friol, toda unha experiencia pedagóxica
Entrar nunha aula da escola Meniñeiros de Friol é toda unha experiencia pedagóxica. Non hai libros de texto, nin dispositivos tecnolóxicos, son moi poucos alumnos por clase e as actividades manuais e artísticas abranguen todas as materias. Seguen o sistema educativo Waldorf, fundado hai xa cen anos polo alemán Rudolf Steiner. Foi coa base deste método co que un grupo de pais e mestres crearon a escola de Meniñeiros.
Os pequenos de primaria calcetan todos os días para desenvolver as súas habilidades manuais, pero non só. As profesoras tratan de ensinar os conceptos máis complexos e abstractos como as matemáticas ou a gramática a través de distintas actividades. E en secundaria a práctica, cando se pode, precede á teoría.
Pero se hai algo que caracteriza esta escola é a súa devoción e respecto pola natureza; por iso a fixeron en Friol e por iso os edificios son todos de madeira e algúns con teitos vexetais. Esa integración na natureza é o que valoran moitos dos pais e nais dos alumnos, a maior parte residentes en Lugo e moi implicados co funcionamento da escola.
E a música sempre presente, para empezar o día e para sentir que son unha comunidade.