A escaseza de ameixa na ría de Arousa tira dos prezos á alza
A escaseza de marisco provocada pola gran mortaldade causada pola chuvia do inverno nos bancos galegos e o forte incremento da demanda por parte dos bares e restaurantes que retoman a actividade disparou o prezo da ameixa na ría de Arousa. Nalgunhas lonxas os prezos aseméllanse aos que se conseguen nas mellores épocas do ano, agosto e o Nadal. Na primeira poxa da semana na lonxa de Cabo de Cruz, a ameixa xapónica de maior tamaño chegou a cotizar os 24 euros o quilo, ata 18 a fina e a babosa aproximouse aos 27.
Uns prezos inusuais nesta época do ano, nalgúns casos ata o dobre do habitual, e máis propios do mes de agosto ou do Nadal. Esta escaseza de marisco coincide cun incremento da demanda por parte dos bares e restaurantes que volven a traballar, despois de meses de inactividade pola pandemia, e tiran dos prezos á alza. Un período de prezos altos que non está claro canto poderá prolongarse.
Nos dous primeiros meses deste ano a produción de marisco en Galicia caeu entre un 70 e un 80 por cento con respecto á media dos últimos 25 anos.