CRTVG

Buscar

A escalinata, o enreixado e a cripta da catedral de Santiago xa locen restauradas

Publicado o 17/06/2021 17:46

Hoxe inauguráronse as obras de restauración da escalinata e da cripta da catedral de Santiago. Eran as intervencións principais do plan de rehabilitación da sé compostelá que comezou hai máis de dez anos.

Segundo lembrou Román Rodríguez, foi un "proceso longo, duro, un maratón técnico" que supuxo un dos "esforzos de conservación máis grandes da historia do noso país".

As administracións autonómica e central traballaron conxuntamente neste plan, cun orzamento de dezasete millóns de euros. O ministro de Transportes referiuse ao valor cultural e histórico do patrimonio recuperado, pero tamén á súa importancia simbólica.

"Posúe un alto valor simbólico e sentimental, polo gran significado que ten esta cidade, esta praza e esta catedral; para Galicia, pero tamén para España e para Europa", asegurou José Luis Ábalos.

O ministerio destinou un millón catrocentos mil euros á restauración da cripta, da escalinata renacentista e do enreixado cos que se completan os traballos na cara máis simbólica da catedral.

A fachada do Obradoiro loce todo o seu esplendor logo da primeira rehabilitación integral do templo nos seus nove séculos de historia. O resultado é froito dun importante esforzo de restauración de máis de 50.000 horas. 

Noticias web

17/06/2021