CRTVG

Buscar

A erupción na Palma obriga a evacuar 800 veciños de La Laguna

Publicado o 12/10/2021 20:18

A coada que arrasou o polígono industrial achégase á vila

Ata 800 veciños de La Laguna tiveron que abandonar esta tarde as súas casas ante o avance da última coada do Cumbre Vieja. O río de lava, que este luns sepultaba máis de 20 naves no polígono industrial de Los LLanos, ameaza agora varias zonas poboadas.

As distintas coadas do volcán enguliron xa 595 hectáreas de terreo e case 1.300 edificios. Tamén continúa habendo moita actividade sísmica: nas últimas horas rexistrábanse máis de 60 terremotos, o maior de 4,1 graos.

E despois de 24 días de erupción, os científicos conseguiron captar dous raios volcánicos. "Iso é un fenómeno que se produce nas erupcións e que está amplamente estudado. É pola fricción das partículas de magma ao saír. Se hai moita fricción pódense cargar electricamente e prodúcese unha diferencia de potencial que provoca ese raio" asegura Rubén López, vulcanólogo do Instituto Xeográfico Nacional.

O aeroporto da Palma está operativo, pero con cancelacións e atrasos. O presidente do Goberno Pedro Sánchez volverá este mércores á illa para anunciar as novas axudas aos afectados.

Noticias web

12/10/2021