Remite a emisión de gases na Palma, 3.000 persoas confinadas poden saír da casa
As autoridades decretaron este martes á mañá a fin do confinamento dunhas 3.000 persoas de El Paso e Los Llanos de Aridane, unha vez que remitiu a emisión de gases derivada da combustión de naves industriais ao entrar en contacto coa coada de lava.
O confinamento fora ordenado tras constatar que o fluxo de magma chegara a unha fábrica de cementos do polígono industrial do Callejón de la Gata, en Los Llanos.
No porto Naos, en los Llanos, continúan os traballos de instalación das dúas desalinizadoras portátiles que van abastecer de auga as plantacións de plataneiras.
Mentres o volcán non dá tregua e segue expulsando lava a grandes cantidades. Aínda que se retardou o avance da coada primixenia, a segunda, a do norte, avanza máis rapidamente e está a poucos metros da praia do Perdido, onde podería formarse unha nova illa baixa.
Dende que o sábado pasado colapsara a cara norte do cono volcánico de Cumbre Vieja, incrementouse a actividade eruptiva e ese maior aporte de lava e gran fluidez das coadas elevaron a superficie afectada. A lava cobre xa preto de 600 hectáreas, 150 de cultivo e, segundo Copernicus, hai 1.281 edificios afectados, dos que 750 quedaron sepultados baixo o magma.
A altura da cinsa supera os catro quilómetros. E inda que o aeroporto da Palma se mantivo onte operativo, houbo que cancelar oito voos.
Tamén continúa a sismicidade e nas últimas horas rexistrouse un terremoto de 3,7 de magnitude. O Instituto Xeográfico Nacional localizou durante as primeiras horas deste martes 18 movementos sísmicos.
Onte luns reuniuse a comisión mixta entre administracións para coordinar o plan de reconstrución da Palma. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ten programada para mañá mércores unha nova visita á Palma, que será a cuarta.
Sánchez expoñerá novas medidas de apoio aos sectores afectados pola erupción na illa, con cargo aos 206 millóns de euros aprobados polo Consello de Ministros, e participará na reunión do comité director do Plan Especial de Protección Civil ante Risco Volcánico de Canarias (Pevolca).