A entrega do Obradoiro non lle chega para gañar na pista do Baskonia (80-74)
O Obradoiro pelexou contra os elementos na pista do vixente campión de liga, o Baskonia, e acabou perdendo por 80-74.
Afrontaba o partido coas baixas de Daum e Birutis pero os de Moncho Fernández pelexaron con todas as súas armas para chegar con opcións no partido ata o final.
Comezou con forza o Baskonia (8-0) pero respostou o Obradoiro deseguido e mesmo colleu vantaxe no primeiro cuarto (10-12) grazas a Cohen e Robertson.
O segundo cuarto estivo cheo de alternativas, ata que o Obra fixo un parcial de 2-11 (26-30) que lle permitiu manexar vantaxes de ata sete puntos.
Os santiagueses aguantaron por diante ata mediado o terceiro cuarto (47-52), pero un parcial de 9-0 a prol do Baskonia puxo os locais por diante (62-55 ao final do período).
No último cuarto, moi castigado polas persoais (eliminados Enoch e Czerapowicz), o Obradoiro pelexou contra os elementos e mantívose no partido ata o último minuto (76-72), pero acabou perdendo por 80-74.