A enerxía fotovoltaica podería reducir á metade a factura eléctrica das familias
España é o país con máis radiación solar de Europa, pero está na cola de potencia instalada en autoconsumo desta opción enerxética. Semella que esta tendencia empeza a cambiar, tamén en Galicia, que, con algo máis de dúas mil horas de sol ao ano, ten potencial para xerar enerxía solar.
A inconfundible cheminea de Endesa está integrada na paisaxe cotiá de Rafael Rodríguez Caaveiro. El, que traballou durante décadas na factoría pontesa, que domina a letra pequena da factura da luz e os tecnicismos do mercado enerxético, apostou polo cambio e hai cinco meses instalou placas fotovoltaicas para o autoconsumo. Antes, o recibo mensual era duns 300 euros. Agora o aforro "podería estar nun 40 %".
Os paneis fotovoltaicos e as dúas mil horas de sol que temos cada ano en Galicia permitirían un aforro de ata o 50 % no consumo eléctrico familiar. Segundo un estudo realizado polo grupo EDP, o 90 % dos edificios da comunidade poderían instalar placas solares e cubrir o 100% da demanda eléctrica.
"Isto quere dicir que non só estariamos aforrando na factura da luz, senón que ademais estariamos evitando a emisión de CO2 á atmosfera equivalente a plantar 150 milllóns de árbores", expón Gabriel Nebreda, director de EDP Solar.
Rafael pretende aproveitar as subvencións e optimizar o sistema con dúas placas máis e baterías para almacenar o que non consome. Nesta instalación de 4,5 quilowatts investiu seis mil euros. "Practicamente o que estou pagando ao mes e o que estaba pagando de enerxía total", matiza.
Unha aplicación permítelle saber en tempo real canta enerxía están xerando os paneis e canta está consumindo a casa. En empresas como EDP perciben un interese crecente pola alternativa do autoconsumo fotovoltaico.