CRTVG

Buscar

A enerxía fotovoltaica medra no sector agrogandeiro

Publicado o 28/05/2019 17:00

A derrogación do chamado imposto ao sol, que ata o de agora gravaba as enerxías alternativas, está a propiciar un desenvolvemento inusitado da enerxía fotovoltaica, especialmente no sector agrogandeiro, polo seu gran potencial. É o caso da cooperativa Aira, que acaba de instalar un parque de paneis solares na súa fábrica de pensos en Taboada.

Este parque de 616 paneis solares permitirá a Aira cubrir o 10 por cento do consumo anual da fábrica.

Carlos Barrosa, director comercial de Voltfer: "Esta planta é capaz ao longo do ano de facer que que a fábrica sexa un 10 por cento autosuficiente, noutras palabras, deixará de consumir da rede un 10 por cento de enerxía, xeraraa ela mesma e consumirao internamente para o seu proceso produtivo".

Aira ten outra planta en Chantada de 100 quilowatts e vai poñer en marcha catro parques máis. O aforro acadado permítelles amortizar esta instalación en cinco anos:

José Enrique Otero, director de subministración e servizos de Aira: "No caso concreto desta instalación de Taboada, estamos falando dun aforro de 18.000 euros ao ano que podemos estar aforrando por esta vía".

O interese pola fotovoltaica está a rexurdir tras a derrogación do chamado "imposto ao sol" e a aprobación do decreto lei de balance neto, que permite a venda do excedente de enerxía solar á rede.

José María Fariña, director de Voltfer: "É dicir, nós temos unha instalación fotovoltaica que produce enerxía, temos excedente de enerxía, non hai consumo, compensamos ese excedente de enerxía co consumo que temos pola noite. Iso fai que instalacións como as granxas, teñen moito consumo pola mañá e pola tarde, pero non ao mediodía, sexa aínda máis rendible do que era ata agora".

Nestes momentos, a Consellería de Industria ten aberta unha liña de axudas para a instalación de enerxía fotovoltaica en empresas, que cobre ata o 45 por cento dos investimentos.

Noticias web

28/05/2019