A empresa téxtil galega Florentino expande a súa rede comercial
A marca de moda Florentino pecha este ano inaugurando novas tendas en San Sebastián e Murcia. A principios de 2020 fará o mesmo en Málaga e conta con abrir dúas máis en España ao longo dese ano. Isto forma parte dun plan de expansión que iniciou en 2015.
Florentino Cacheda Pampín, director de Expansión de Florentino: "Marcámonos o obxectivo de abrir 20 tendas no territorio nacional en cinco anos e levamos 17. No último ano cumpriremos o plan e procuraremos comezar outro".
Nos seus plans, din os responsables da empresa, manterán a súa aposta polo produto de calidade e por deseñar e fabricar aquí, en Galicia.
Florentino Cacheda Pampín, director de Expansión de Florentino: "Iso forma parte da nosa filosofía, da nosa esencia, e consideramos que, de non ser así, non tería sentido. Non poderiamos dar a calidade que damos e seriamos un máis. E nós non queremos ser un máis, queremos ser mellores e diferentes aos demais".
A próxima semana presentarán a súa campaña de Nadal, co actor galego Luis Zahera, para publicitar unha marca que xa está presente en países como Portugal, Francia, Bélxica e Suíza, que nos últimos anos entrou no sueste asiático, México, Australia e Nova Zelanda, e que acaba de comezar a traballar nas Filipinas.