A empresa galega Mestrelab deseñou o software que usan os creadores das vacinas contra a covid−19
Hai unha compoñente galega nas vacinas contra a COVID−19. Pfizer, Moderna e AstraZeneca traballan cun software creado por unha empresa de Santiago. Falamos cun dos seus fundadores, Santiago Domínguez.
"Temos 96 das 100 mellores universidades do mundo usando o noso produto, e moitas das grandes farmacéuticas, BioNTech, Pfizer, AstraZeneca, empregan o noso software no seu I+D". Emprégano para comprender mellor e máis rápido o que sucede no laboratorio. "Os instrumentos xeran unha serie de datos moi complexos, e o que fai o noso software é axudar ao científico a interpretar e procesar estes datos. E o obxectivo é procesar e analizar os datos sen a intervención do científico en absoluto".
Automatización, intelixencia artificial, toma de decisións asistida por ordenador... Conceptos que están cada vez máis preto do futuro. Un futuro que ven en Galicia: "Temos plans de seguir en Galicia e de seguir crecendo en Galicia".