A embaixadora de Marrocos non volverá mentres estea en España o líder da Fronte Polisario
Ceuta recupera o seu ritmo cotián. Despois de dous días de incerteza, este xoves volveu a normalidade aos colexios e os comercios volveron a abrir. Admiten que pasaron medo.
"Dá un pouco esa sensación de inseguridade e de medo. Poden entrar en avalancha, como fixeron co veciño de en fronte, que entraron e levaron un montón de cousas da tenda". "Non houbo problema ningún, non entraron nin veñen violentos. Vese moita cantidade, veñen grupos grandes, pero pasan de longo".
Marrocos e España acordaron a devolución dos inmigrantes en grupos de 40 cada dúas horas. Xa regresaron ao seu país 6.000 das 8.000 persoas que se coaron. Habilitouse un teléfono para que pais marroquís poidan localizar os seus fillos. Hai 850 menores non reclamados, incluído un neno de 4 anos. Detectaron entre eles 9 casos con coronavirus.
Para facerlles sitio, o Goberno repartiu entre as comunidades outros 200 nenos que xa estaban en centros de acollida ceutís. Galicia e Madrid son as que más van atender, 20. As dúas comunidades queixáronse do criterio de repartición. No eido político, o PP dixo que o de Ceuta foi a crónica dunha crise anunciada, culpou a Podemos de agravios innecesarios a Marrocos e o Goberno de non evitalo.
O líder popular, Pablo Casado, lembrou que "dixemos que había que ter unha relación diplomática con Marrocos intelixente. Iso é o que non se fixo, e iso é o que denunciei onte no Parlamento de España, que é onde hai que facer unha oposición leal".
O executivo lanza esta mensaxe a Rabat. "Algo debe ter claro Marrocos: con España non se xoga. Non se van aceptar ningún tipo de chantaxes. A integridade de España non é negociable nin está en xogo", dixo a ministra de Defensa, Margarita Robles.
Robles negou que fose un erro a acollida en España do dirixente saharauí Brahim Gali, un dos motivos da disputa.
Porén, a embaixadora marroquí en España, Karima Benyaich, chamada a consultas o pasado martes a Rabat, "non regresará mentres dure a crise, e a crise durará mentres continúe a súa verdadeira causa", que é a entrada do líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, en territorio español "en condicións indignas para un estado de dereito" e a súa non comparecencia ante a Xustiza española, declarou hoxe o ministro marroquí de Exteriores, Naser Burita, nunha comparecencia restrinxida ante a prensa.
Para Burita, "se hai crise con España, é porque os españois preferiron coordinarse cos nosos adversarios e contra os sentimentos do pobo marroquí" ao acoller "a un acusado de crimes de guerra", máis aló de "todas as manobras e astucias para desviar a atención".
Burita dixo que a última masiva entrada de inmigrantes se debeu "a un contexto de fatiga do dispositivo policial marroquí tras as festas do fin de ramadán", pero tamén "á inacción total da policía española", que se desprega, segundo el, a razón dun policía por cada cen axentes marroquís nas zonas fronteirizas.