CRTVG

Buscar

A electricidade dispara a inflación ao 4 % en setembro, a maior desde 2008

Publicado o 14/10/2021 09:17

A inflación disparouse ao 4 % interanual en setembro, sete décimas por riba da de agosto e a taxa máis alta desde setembro de 2008, impulsada polo encarecemento da electricidade e os carburantes. O Instituto Nacional de Estatística confirmou este xoves o dato do índice de prezos de consumo avanzado hai unhas semanas, que consolida a aceleración da inflación no seu sétimo mes consecutivo á alza.

O encarecemento da electricidade, que elevou os prezos do grupo de vivenda nun 14,5 %, está entre os factores que máis influíron nesta repunta. Tamén contribuíron as subas do gasóleo para a calefacción e o gas, que o ano pasado baixaron.

O lecer e a cultura encareceuse en setembro un 0,9 %, un punto e medio máis que en agosto, debido a que os paquetes turísticos baixaron menos este ano que o pasado. Xunto a iso, tamén empurrou á alza o IPC a suba dos prezos do transporte, un 9,8 %.

Os alimentos e bebidas non alcohólicas incrementaron os seus prezos un 1,8 % polo abaratamento das froitas e do menor encarecemento dos legumes e hortalizas, o cal axudou a conter a inflación. 

Montero cre que se trata dunha suba temporal

A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, rexeitou este xoves que a subida do Índice de Prezos de Consumo (IPC) ata o 4 % interanual supoña "unha ameaza real e efectiva" para a recuperación da economía española. "Hai que ser coidadosos na análise do dato que se acaba de publicar. A inflación subxacente está en torno ao 1 %, o que está a incrementar o dato global é o custo enerxético", aclarou a ministra nunha conferencia de prensa na sede de Comisións Obreiras (CC. OO.), onde acudiu presentar os orzamentos xerais do Estado para 2022 ao seu secretario xeral, Unai Sordo.

Montero asegurou que o Goberno mantén as proxeccións do IPC para 2022 na contorna do 2 %, e manifestou que os organismos internacionais tamén ven esta subida do IPC como algo "conxuntural" e "temporal". "Cremos que non vai ser un lastre para a recuperación económica. Poderemos chegar a niveis razoables nos próximos meses", insistiu. Con todo, manifestou que o Goberno seguirá monitorando este indicador. Montero mostrouse optimista coa recuperación da economía española, que terá unha "potente intensidade" no último trimestre do ano, o que permitirá aproveitar "esa corrente de cola" en 2022 e manter a previsión de crecemento do 7 % para o próximo ano.

Noticias web

14/10/2021