A economía española medrou un 2 % en 2019

A economía española medrou un dous por cento en 2019, catro décimas menos que en 2018. Deste xeito, o Produto Interior Bruto suma seis anos de avances, pero o de 2019 foi o menor desde 2014.
Segundo o INE, este dous por cento de crecemento logrado o ano pasado débese a unha achega da demanda nacional de 1,5 puntos, fronte aos 2,6 puntos de 2018. A demanda externa contribuíu con medio punto ao avance do PIB, despois de restar algunhas décimas no ano anterior.
O terceiro trimestre de 2019 foi peor do esperado. Cun crecemento do 0,4 %, a economía española quedou por baixo das expectativas, que apuntaban a un 0,5 % de avance.
O emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, aumentou a un ritmo interanual do dous por cento no cuarto trimestre do ano pasado, dúas décimas máis ca no trimestre anterior. Iso supón a creación, nun ano, de 358.000 empregos equivalentes a tempo completo.