CRTVG

Buscar

O PIB español creceu un 1,1 % de abril a xuño, case dous puntos menos do avanzado

Publicado o 23/09/2021 09:30

A economía española creceu un 1,1 % no segundo trimestre do ano e volve a valores positivos despois de rexistrar no primeiro trimestre un retroceso do 0,6 %. Así o reflicten os datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito o INE corrixe o dato adiantado de crecemento trimestral, 1,7 puntos inferior ao dato ofrecido no mes de xullo, cando avanzou un aumento do PIB do 2,8 % para o período abril–xuño, afectado pola terceira vaga da covid−19.

En taxa interanual, o PIB disparouse un 17,5 % tras a parada sufrida en 2020 e no primeiro trimestre deste ano polo impacto da pandemia. Esta taxa é 21,7 puntos superior á do primeiro trimestre, pero atópase 2,3 puntos por baixo da estimada inicialmente polo INE (19,8 %). 

O INE explica que no avance de datos do segundo trimestre publicado a finais de xullo a maioría dos indicadores sobre a evolución económica do trimestre ofrecían resultados ata maio, incorporándose fontes adicionais dispoñibles para todos os meses do trimestre e estimacións adiantadas de indicadores baseados en datos administrativos. 

Os resultados publicados este xoves por Estatística xa incorporan todos os indicadores estatísticos que marcan a evolución económica do segundo trimestre, cuxa información abarca xa, na maioría dos casos, o conxunto deste. Ademais, inclúen as series revisadas desde o primeiro trimestre de 2018.  

"Na análise das revisións dos agregados macroeconómicos sobre os resultados avanzados terase presente a dificultade inherente á medición da conxuntura á que nos vimos enfrontando desde o primeiro trimestre de 2020. É un período de grandes e rápidos cambios na evolución a curto prazo da actividade económica, que, tanto pola súa orixe como pola súa magnitude, supoñen un desafío estatístico sen precedentes", sinala o INE.

A demanda nacional sumou 17,3 puntos ao PIB interanual, e a demanda externa tivo unha achega de dúas décimas.

O emprego da economía, en termos de horas traballadas, rexistra unha variación intertrimestral do 4 %. Esta taxa é de menor magnitude no caso dos postos de traballo equivalentes a tempo completo (do 0,0 %, o cal supón 1 punto menos que no primeiro trimestre) debido ao aumento que se observa na xornadas medias a tempo completo (4 %).   

En termos interanuais, as horas traballadas crecen un 29,5 %, unha taxa 32,2 puntos superior á do primeiro trimestre. Os postos equivalentes a tempo completo aumentan un 18,9 %, 21,3 puntos menos que no primeiro trimestre, o cal supón un incremento de 2,8 millóns de postos de traballo equivalentes a tempo completo nun ano.

Noticias web

23/09/2021