CRTVG

Buscar

A ABAU en Galicia será entre o 7 e o 9 de xullo

Publicado o 30/03/2020 18:26
A ABAU en Galicia será entre o 7 e o 9 de xullo

Os alumnos galegos realizarán as probas de bacharelato de acceso á universidade entre o 7 e o 9 de xullo. Así o acordou a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nunha reunión telemática coa Comisión Interuniversitaria da comunidade autónoma. Galicia adapta así o calendario da selectividade ás pautas tratadas a semana pasada na Conferencia Sectorial de Educación, presidida pola ministra Isabel Celaá xunto cos responsables do ramo de todas as comunidades autónomas para tratar as consecuencias do estado de alarma e a crise sanitaria.

A convocatoria ordinaria das probas pasará, así, ás datas que a comunidade previra inicialmente para a extraordinaria, que agora se trasladaría ao mes de setembro (nese período víñase realizando tradicionalmente antes de implantarse o modelo da ABAU). Educación destaca que esta nova data permite dispor de marxe para cumprir o prazo de publicación dos resultados das probas con anterioridade ao 17 de xullo.

De momento non hai data fixada para a convocatoria extraordinaria, que, segundo o acordo entre o Goberno central e as comunidades autónomas, terá lugar antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes. O modelo de proba, que non experimentará modificacións en profundidade, exporase co obxectivo de que o alumnado non se vexa prexudicado por non traballar na clase algún bloque de contido e asegurar o acceso á universidade en termos de equidade. Deste xeito, manterase un formado similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, pero incrementarase a opcionalidade para asegurar que o aspirante poida lograr a máxima puntuación sen que llo impida o feito de non recibir algún dos contidos previstos.

Noticias web

30/03/2020