CRTVG

Buscar

A DXT prevé 8,6 millóns de desprazamentos en Galicia durante o verán

Publicado o 29/06/2021 12:26
A DXT prevé 8,6 millóns de desprazamentos en Galicia durante o verán

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha este venres a primeira operación especial do verán 2021. Entre xullo e agosto agárdanse 8,6 millóns de desprazamentos nas estradas galegas. 

A operación saída (a primeira das catro que se van desenvolver) comeza ás 15:00 horas deste venres e finaliza na medianoite do domingo. Neses tres días, as autoridades prevén 396.000 desprazamentos longos na rede viaria da comunidade. 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou na Coruña a campaña que, por primeira vez, contará cun dron sancionador.

Sobre este dispositivo, a coordinadora da DXT en Galicia, Vitoria Gómez, explicou que "non ten radar incorporado", pero "pode detectar infraccións claras", como non usar o cinto ou adiantar de xeito indebido.

Ademais do dron, distribuiranse 270 radares e estará operativo un helicóptero no verán. Activaranse 329 cámaras para controlar o tráfico e 523 paneis de mensaxe variable, entre outros medios.

Faranse 120.000 controis de alcoholemia e 680.000 de velocidade durante a campaña, na que traballarán 600 axentes da Garda Civil, co apoio das unidades territoriais en cada Concello.

Na presentación, no Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, o delegado do Goberno quixo facer un chamamento a "unha mobilidade responsable", tanto por parte de condutores como de peóns.

Estatística "preocupante"

O verán chega, explicou Miñones, cunha estatística "preocupante" de sinistralidade, xa que, tras un 2020 co menor número de falecementos en accidentes desde que hai rexistros, desde o 1 de xaneiro contabilizáronse 41 persoas falecidas en 27 sinistros.

O delegado do Goberno subliñou que nesta época xúntanse varios factores, como a chegada do verán, a retirada da máscara e o Xacobeo, que levan "a unha efervescencia perigosa". Neste sentido, defendeu a "tolerancia cero" co infractor. "Non podemos permitirnos volver atrás e  desandar o andado neste tempo", remarcou.

Finalmente, Miñones quixo agradecer o traballo da Dirección Xeral de Tráfico e do seu centro de xestión do Noroeste. "Son moitas persoas moi cualificadas que traballan pola nosa seguridade", recoñeceu.

Con todo, lembrou que o éxito da campaña "depende de nós", polo que demandou "precaución e  responsabilidade".

Noticias web

29/06/2021