A DXT pon en marcha unha campaña para vixilancia das distraccións ao volante
Durante o que queda de semana a DXT vai intensificar a vixilancia sobre as distraccións ao volante nas estradas galegas que son a causa dun de cada catro accidentes de tráfico. A campaña desenvolverase ao mesmo tempo en varios países europeos e en horarios concretos os controis serán simultáneos. Falar polo móbil, manipular o GPS, anotar un pedido, rifar coas persoas que viaxan no vehículo e mesmo mirar a paisaxe, calquera distracción pode ser fatal ao volante.
Para concienciar os condutores do perigoso destes comportamentos, a DXT pon en marcha unha campaña de vixilancia nas estradas que se prolongará ata o próximo domingo. Un dos principais motivos de distracción ao volante é o uso do móbil, que cuadriplica o risco de sufrir un accidente, só equiparable a conducir con exceso de alcol. As distraccións son xa a primeira causa dos accidentes de tráfico e están detrás dun de cada catro sinistros con vítimas mortais.