A DXT pide precaución nunha ponte que conta xa cunha vítima mortal en Galicia
Unha muller de Redondela de 30 anos é polo momento a única falecida nas estradas galegas nas primeiras xornadas desta ponte festiva. Foi no sinistro máis grave, que tivo lugar o sábado á tarde no concello de Ponteareas.
Viaxaba de acompañante nunha motocicleta que bateu contra un turismo. O condutor da moto, o seu mozo, quedou ferido grave. Este foi o único accidente mortal, pero non o único sinistro.
Tamén na tarde de onte, unha colisión múltiple en Cambados, por un suposto adiantamento indebido a un camión, deixou danos en cinco coches aparcados e estragos no mobiliario urbano. Xa pola mañá en Lalín estivo cortada a autoestrada Santiago-Ourense por un choque con varios coches implicados.
No que levamos de ano, morreron 104 persoas en accidentes de tráfico en Galicia, polo que a DXT chama a extremar as precaucións en datas de tantos desprazamentos coma esta ponte do Pilar.