CRTVG

Buscar

A DXT lembra todas as claves para circular nas rotondas

Publicado o 15/06/2021 14:40

Son un dos elementos conflitivos da circulación. A función das rotondas é achegar fluidez e seguridade ao tráfico. Pero saber conducir por elas non sempre é doado, e en ocasións xorden dúbidas. 

Quen ten prioridade? Nunha rotonda sen sinalizar, a prioridade téñena os vehículos que se atopan circulando polo seu interior. Os que acceden a ela deberán ceder o paso.

Cando utilizo o intermitente? Debemos sinalizar co intermitente os cambios de carril, e tamén anunciar a saída da rotonda co indicador dereito.

 Por que carril hai que circular? A DXT recomenda elixir o carril que mellor se axuste á dirección que imos seguir, cambiando ao carril exterior antes do momento da saída da rotonda.

Podo saír directamente desde o carril interior? Non, debemos saír polo carril exterior, dando preferencia aos vehículos que xa están nesa zona. Os expertos na materia dan tamén algún truco.

"Estiremos a glorieta, pensemos que é un tramo recto, se imos polo carril da esquerda teremos que pasar ao da dereita e ceder o paso, antes de saír", explica Suso Vilariño, director de formación da autoescola Santa Eulalia de Santiago.

E ante a dúbida, sempre queda outra opción: dar unha nova volta e saír da rotonda con total seguridade.

Noticias web

15/06/2021