A DXT intensifica os controis sobre o uso do cinto de seguridade
A Dirección Xeral de Tráfico intensificará durante toda esta semana os controis para comprobar que tanto o condutor como os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Comprobarán tamén que os menores viaxen cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.
A campaña foi presentada esta mañá en Madrid polo subdirector de Mobilidade e Tecnoloxía da DXT. A Dirección Xeral de Tráfico convidou tamén os concellos a sumarse a esta campaña para concienciar de que o cinto de seguridade tamén debe poñerse en vías urbanas.
Marzo é un mes habitual para realizar esta campaña especial. Na do ano pasado, os axentes controlaron en Galicia case 36.000 vehículos en que detectaron 334 infraccións, a maior parte delas correspondente a turismos.