CRTVG

Buscar

A DXT inicia unha campaña de control do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil

Publicado o 09/03/2020 12:56

Desde este luns e ata o domingo será posible atopar controis como estes, principalmente nas estradas interurbanas. A DXT leva a cabo unha nova campaña para controlar o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantís.

Antonio Rodríguez, tenente do destacamento de Tráfico de Lalín: "O uso do cinto reduce o risco de mortes e de lesións graves en caso de accidente. De feito é o sistema de seguridade pasiva que máis vidas salva na estrada e, a pesar disto, aínda hai usuarios que se amosan reticentes á hora de facer uso do cinto de seguridade". 

Segundo datos de Tráfico, un de cada cinco falecidos nas estradas galegas non facía uso axeitado do cinto de seguridade. E tan importante como o cinto son os sistemas de retención infantil.

Unha condutora di: "Teño dous nenos e inculqueilles que tiñan que ir co cinto posto, na cadeira, sempre. Saímos da casa co cinturón anclado".

Evitan nove de cada dez lesións graves ou mortais.

Antonio Rodríguez, tenente do destacamento de Tráfico de Lalín: "Convén meter o neno ben na cadeira, cos arneses ben axustados para que non poida quitalos". Conducir sen o cinto de seguridade ou levar os nenos sen os sistemas de retención son infraccións graves. Supoñen 200 euros de multa e a perda de tres puntos do permiso de conducir.

Noticias web

09/03/2020