CRTVG

Buscar

A dose de reforzo en maiores de 80 anos empezará a poñerse a partir do día 25

Publicado o 20/10/2021 14:51

• Cando acudan á cita ofreceranlles poñer tamén a vacina da gripe

• Sanidade valora reabrir os centros de vacinación masiva para os grupo de 70 a 79 anos

O Servizo Galego de Saúde citará a partir do día 25 deste mes os maiores de 80 anos para recibir a dose de reforzo da vacina contra a covid−19. Será sempre e cando xa pasasen seis meses desde que lles puxeron a segunda inxección.

"É un matiz importante", sinalou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, quen dixo que esa protección xa se completou con éxito en 31.793 persoas das residencias sociosanitariase entre a poboación inmunodeprimida.

A citación para poñer esa terceira dose da vacina realizarase nos mesmos puntos en que puxeron as anteriores, que en moitos casos son centros de saúde de vilas cabeceiras de comarca.

Ademais, como a intención é poder compaxinar esta vacina de reforzo coa campaña da gripe, aos maiores de 80 anos que acudan a poñer esta terceira inxección contra a covid−19 váiselles ofrecer poñer tamén a vacina da gripe.

Que ninguén se preocupe se non recibe ou non ve o SMS do Sergas. Nese caso, as enfermeiras poñeranse en contacto con eles para avisalos. 

En canto ás persoas de 70 a 79 anos, Sanidade estuda reabrir os puntos de vacinación masiva para poderlles poñer a terceira dose da vacina, e serán citados cando fagan seis meses que puxeron a segunda.

Referíndose xa en exclusiva á vacina da gripe ábrese o prazo o luns 25 de outubro para os maiores de 65 e todos os que viven en residencias. O día 15 de novembro ábrese a quenda para os que teñen patoloxías de risco: embarazazas, persoal esencial e os que deben poñela por exposición laboral, en especial traballadodes de granxas avícolas e porcinas. A partir do 29 de novembro, a campaña da gripe ábrese ao resto da poboación.

"E previr polo tanto complicacións que poden ser graves e que poden levarnos a unha hospitalización convencional ou en unidades de coidados críticos", advertiu a directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán.

Galicia ten tradicionalmente a mellor adherencia do Estado á campaña da gripe. Este ano, con 20.000 vacinas máis e 900 puntos de administración, contan con mellorar a marca.

Noticias web

20/10/2021