CRTVG

Buscar

A residencia de Mos continúa con 145 casos activos entre usuarios e traballadores

Publicado o 15/11/2020 15:21

Baixan notablemente os contaxios nas residencias. Son 77 casos menos entre usuarios e traballadores. O maior descenso prodúcese na residencia Nosa Señora das Virtudes, de Pontedeume, onde 38 usuarias recibiron a alta médica. Baixa tamén o número de casos na residencia das Fragas, no mesmo concello de Pontedeume, con dez positivos menos. Na DomusVi de Ribadumia son doce as altas entre os maiores, e na residencia de Salvaterra hai unha ducia de casos menos entre usuarios e empregados do centro.

O maior gromo nunha residencia en Mos

Na Doralresidencia de Mos, o maior centro de Galicia con 200 usuarios de media diaria e 220 traballadores, as cifras non cambiaron nas últimas 24 horas; arestora este segue sendo o maior gromo da comunidade autónoma. Os 145 casos activos divídense en 92 usuarios, 36 traballadores e 17 internos da área de discapacitados. O director da residencia, Manuel Añón, e a Xunta descartan ter que intervir o centro porque nel dispoñen de equipos humanos e técnicos médicos e incluso de farmacia hospitalaria.

Unha ambulancia recolle un usuario pero non para trasladalo a un hospital por coronavirus senón para facerlle unha placa a un interno que ten outras patoloxías, segundo nos contan na propia residencia. O concello de Mos, onde está situada a residencia, segue en cor vermella, a de restricións máximas.

A residencia de Salvaterra segue intervida pola Xunta

Por outra banda, a residencia de Salvaterra de Miño continúa intervida pola Xunta desde o 27 de outubro, cando había 110 usuarios e 26 traballadores positivos en coronavirus. Arestora hai 26 maiores e 20 traballadores afectados pola covid−19, en total 58 casos activos, seis menos ca onte.  A que era antes a directora e os seus traballadores seguen prestando os seus servizos no interior das instalacións porque todo estaba da súa man. Pero desde hai 19 días a residencia está tutelada por un novo equipo, un director de política social e un coordinador do Sergas. O anterior equipo responde ás informacións nos medios sobre o mal estado das instalacións e a pouca atención aos maiores do centro.

Noticias web

15/11/2020