A residencia de Chantada recupera a normalidade logo da alta dos últimos positivos
As residencias galegas volven estar libres de covid. Os últimos maiores contaxiados na DomusVi de Chantada xa están de alta e comeza a desescalada no centro. Volven a normalidade e as visitas ao vestíbulo desta residencia de Chantada, onde tamén atopamos a Marisol. Ela foi unha das contaxiadas do último gromo e, malia ter outras patoloxías, pode contar que sobreviviu ao coronavirus, di, grazas á vacina.
Este gromo rompera a boa racha dun mes sen contaxios nos xeriátricos do país. A recuperación dos 5 últimos afectados volve liberar de virus as residencias galegas e permite que nesta comece a desescalada.
Malia as altas da residencia, segue habendo 25 casos activos no concello de Chantada. A incidencia a 14 días está en 306 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra alta que está custando baixar.
E mentres non se completa a vacinación, toca seguir gardando as distancias e cumprindo coas restricións, que en Chantada só permiten que os hostaleiros sirvan ao 30% no interior e ao 50 nas terrazas.