CRTVG

Buscar

O xuíz decreta prisión para o sexto detido polo narcosubmarino

Publicado o 05/12/2019 10:22

Pouco despois das 9 da mañá chegaba aos xulgados de Cangas o detido en Valencia pola súa presunta relación co narcosubmarino. O home, natural de Vigo, fora arrestado o luns pasado. Trátase do sexto detido pola súa relación co achado na ría de Aldán do somerxible, que fora afundido polos propios tripulantes. Os investigadores cren que o seu papel era coordinar a descarga dos 3.000 quilos de cocaína que transportaba o batiscafo.

Os primeiros detidos foron dous homes de nacionalidade ecuatoriana, interceptados cando intentaban fuxir. O terceiro tripulante lograra escapar por Cangas. Tras un amplo operativo no concello, foi arrestado case unha semana despois. Escondíase nun alpendre e no momento da súa detención aínda levaba posto o neopreno. A Policía Nacional e a Garda Civil advertían que podía haber novas detencións.

E así foi, uns días despois caían dúas persoas máis, que segundo os investigadores se ocupaban das tarefas de apoio loxístico. A xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Cangas decretou para todos eles o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, por un suposto delito de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia. A operación continúa aberta.

Logo da súa declaración, o xuíz que instrúe o caso decidiu o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, como xa fixera cos anteriores implicados nesta operación.