CRTVG

Buscar

Declaran os 25 detidos da operación 'Straperlo' contra a falsificación de tabaco

Publicado o 22/08/2020 16:21

Vinteún millóns de euros en tabaco falsificado. É o valor estimado da mercadoría incautada na operación Straperlo, que levou á detención de 25 persoas, a maioría de países do leste, que hoxe declaran nos xulgados de Ourense. Tiñan unha completa cadea de produción montada nunha nave de Coles.

Nesta nave, aparentemente inactiva, no concello ourensán de Coles, instalaron os detidos a cadea de produción. Dúas liñas de fabricación de cigarros que envasaban en caixas de Marlboro para vender, supostamente, no mercado negro en distintos países da Unión Europea, fuxindo do control fiscal e sanitario. O seu valor, segundo os cálculos do operativo que desmantelou a rede, é de 21 millóns de euros. Comezaron a fabricar este verán, despois de meses de preparativos. No interior da nave, habilitaron dormitorios, cociña e lavandería. Presuntamente, vivían alí para non levantar sospeitas. Tamén instalaron equipos de ventilación e extracción de cheiros. Nesta nave, as forzas de seguridade detiveron 21 persoas. Tamén houbo rexistros nunha nave en Ponteareas, noutra en Valladolid, e en domicilios particulares de Ourense e Pontevedra, onde deron cos supostos responsables da organización.

En total, 25 detidos, que levan todo o día de hoxe prestando declaración no xulgado en Ourense. Un é portugués, e o resto de Ucraína, Moldavia e Romanía. Impútanlles os delitos de contrabando, pertenza a organización criminal e contra a saúde pública e a propiedade intelectual.
Na operación, denominada Straperlo, participaron unidades da Garda Civil de Ourense, da Policía Nacional e de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria.

 

 

Noticias web

22/08/2020