A detención de dous menores de idade eleva a seis os arrestos polo crime de Samuel
• Os catro primeiros detidos pasan á disposición xudicial
• As gravacións da rúa recollen o linchamento que sufriu Samuel
• Amigos de Samuel reencóntranse co senegalés que intentou axudalo

A Policía Nacional detivo este venres dous rapaces menores de idade como presuntos autores do crime de Samuel Luiz, e con iso xa son seis os detidos ata o momento, segundo confirma a Delegación do Goberno.
Estes dous novos detidos son tamén residentes na Coruña, amigos dos catro detidos nos días pasados e, segundo destacan os investigadores, tampouco coñecían á vítima.
No caso destes dous novos arrestos, será o xulgado de menores o que se teña que facer cargo das dilixencias, e non o de Instrución número 8 que asumiu o caso cando se produciu o suceso na madrugada do sábado pasado.
La @DelGobGalicia informa de la detención de dos varones menores de edad por su participación directa en el supuesto homicidio de Samuel Luiz. El trabajo de la @policia sigue dando frutos y suma 6 detenciones. La operación continúa abierta pic.twitter.com/FZXSgIjH8A
— Delegación del Gobierno en Galicia (@DelGobGalicia) July 9, 2021
Os catro detidos anteriormente, unha muller e tres homes de entre 20 e 25 anos, atópanse dentro do edificio dos xulgados da Coruña, onde pasaron este venres á disposición xudicial.
A Policía Nacional mantén abertas as pescudas, segundo di a Delegación do Goberno nun comunicado, que poderían levar a novas detencións, e seguen abertas todas as liñas de investigación.
O caso segue baixo segredo de sumario.
Marlaska: "fanse esforzos para aclarar a morte de Samuel"
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou este venres que as forzas e corpos de seguridade do Estado están a facer "todos os esforzos" para esclarecer o "dramático e tráxico" homicidio de Samuel Luiz.
Nunha visita a Alxeciras, o ministro quixo recoñecer o traballo "importante, relevante" que están a realizar os axentes dedicados a investigar este crime e a poñer a disposición xudicial a "todos os que interviñeron".