CRTVG

Buscar

A Deputación de Pontevedra nega que aumenten retribucións políticas en 2021

Publicado o 18/11/2020 20:17
A Deputación de Pontevedra nega que aumenten retribucións políticas en 2021

A Deputación de Pontevedra nega que vaian aumentar as retribucións políticas nos seus orzamentos para 2021 e afirma que o aumento salarial da corporación será "cero", a pesar da denuncia pública realizada polo Partido Popular.

O deputado Carlos López Font, responsable de Persoal, lamentou o "vergoñoso" debate iniciado polos populares, aos que acusou de mentir acerca dos salarios dos membros do grupo de goberno.

O informe que acompaña aos orzamentos reflicte "con total claridade" que non se subirán as retribucións dos cargos públicos, engadiu López Font, que garante que tampouco se aplicará a subida do 0,9% aprobada polo Goberno provincial para os traballadores públicos. 

O deputado socialista lamentou o "torrente de descualificacións e insultos baseados en mentiras", e esixe aos populares que expliquen as altas retribucións dos seus cargos. "É escandaloso que un partido con dirixentes que están no cárcere por roubar diñeiro público se atravan a falar diso no canto de estar escondidos en casa", subliñou López Font.

As emendas presentadas polo Partido Popular, segundo o deputado do PSOE, "non achegan nin unha soa idea nova" para transformar a provincia e só buscan, conclúe, "seguir na confrontación permanente" co Goberno provincial. 

Noticias web

18/11/2020