A denominación de orixe Pimentón de la Vera elixe Galicia para promocionar o seu produto
A denominación de orixe Pimentón de la Vera ve en Galicia un bo mercado. Levan anos participando en eventos gastronómicos en distintos lugares do territorio galego e isto, din, está a dar os seus froitos.
Teresa Bartolomé. Presidenta da D. O. Pimentón de la Vera: "Está incidindo en dar a coñecer o produto moito máis. Estámolo vendo nas cartas de restaurantes con estrelas Michelin en Galicia e en restaurantes de todo tipo, onde se fai referencia expresa ao uso de Pimentón de la Vera".
Defenden a mestura de produtos de calidade para reforzar a súa internacionalización.
Álvaro Sánchez, integrante da delegación estremeña: "Ese pulo que ten o produto galego tamén ten que ir acompañado coa nosa cociña, co noso pemento, porque seguiremos internacionalizándonos e facéndonos máis fortes nos padais de moitos dos nosos veciños e veciñas".
Segundo contan, o Pimentón de la Vera reforza os sabores de moitos pratos da cociña galega.
Casiano Méndez, cociñeiro: "Nós en Galicia temos un montón de pratos que están relacionados co pemento. Nas feiras, un polbo sen pemento non se entende, unha carne ao caldeiro, un lacón... Temos moita relación co pemento".
E non só iso, tamén o recomendan para a elaboración de embutidos porque, ademais de darlle sabor, favorece a súa conservación.