O Goberno lembra que non se pode cruzar a raia mentres Galicia estea confinada
O delegado do Goberno en Galicia aclarou este martes que non hai peche perimetral entre España e Portugal. Segundo explicou José Miñones en conferencia de prensa, "estableceuse un acordo mutuo" entre ambos os dous países para non prorrogalo, polo que "a fronteira está aberta" dende o pasado 1 de maio.
Isto non significa que se poida cruzar a raia sen xustificación. "Non nos escapa que existe en Galicia un peche perimetral", asegurou, polo que a Delegación seguirá velando polo cumprimento desta medida "para os que están en Galicia".
Neste sentido, anunciou que van continuar facendo controis "dentro da comunidade", non só para a cidadanía galega, senón "tamén para aquelas persoas que veñen de Portugal".
Tras a petición de máxima colaboración por parte da Xunta, Miñones quixo deixar claro o compromiso das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado co Executivo galego para cumprir coas medidas de restrición.
Non se pode cruzar sen xustificación
Sobre este asunto tamén se pronunciou a vicepresidenta primeira do Goberno na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros. Carmen Calvo lembrou que mentres a comunidade estea pechada perimentralmente, non se pode cruzar ao país veciño sen motivo xustificado, aínda que as fronteiras estean abertas.