CRTVG

Buscar

A defensa dun dos detidos polo crime de Samuel pide a súa posta en liberdade

Publicado o 03/08/2021 14:32

Un mes despois da brutal malleira realizada por un grupo de persoas que acabaron coa vida de Samuel Luiz, hai aínda varias incógnitas por resolver tras o levantamento, onte, do segredo de sumario.

Entre as dúas e cincuenta e oito e as tres e catro minutos da mañá do pasado 3 de xullo, e ao longo de 150 metros, en pleno centro da Coruña, a que estaba sendo unha noite de diversión para Samuel rematou coa súa morte a golpes.

"Seis minutos fatais, seis minutos de agresión en que un grupo de amigos e coñecidos acaba coa vida de Samuel", dixo o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

A policía reconstruíu os feitos coa recollida de 41 testemuños, rexistros domiciliarios e análises de imaxes e teléfonos móbiles. Entre o seis e o nove de xullo pasado, produciuse a detención de seis persoas, dúas delas menores de idade. Ademais, a xuíza xa ten no seu poder dous informes de ADN que implican directamente dous dos principais autores dos feitos. Probas necesarias ante a inexistente colaboración dos sospeitosos.

"A colaboración dos detidos foi nula salvo a do detido número catro que se presentou a testificar nun primeiro momento e logo, evidentemente, non di a verdade", segundo detalla o comisario xefe da brigada provincial da policía xudicial, Pedro Agudo, principal responsable da investigación.

Hai tres mozos en prisión provisional, outros dous, menores de idade, internados nun centro, e unha terceira persoa, a moza do primeiro agresor, en liberdade coa obriga de presentarse no xulgado, ao ser considerada encubridora. José Ramón Sierra, avogado dun dos detidos pola súa presunta implicación no crime de Samuel Luiz Muñiz, presentou este martes un escrito ante a Audiencia Provincial da Coruña no que pide a liberdade do seu defendido tras revisar o sumario da investigación, informou o propio letrado.

"A día de hoxe non o temos verificado, comprobada esa motivación, aínda que hai que dicir que estamos abertos e non pechamos as liñas desa circunstancia tan importante e concreta. Seguimos traballando esas liñas porque hai elementos que complementan e enriquecen as distintas liñas de investigación dun posible delito de odio", sinala o xefe superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro.

No sumario recóllese o insulto homófobo dun dos agresores ao mozo, que desatou unha sucesión de concentracións multitudinarias en centos de cidades para reclamar xustiza para Samuel. Ademais da morte de Samuel, impútaselles outro delito, en grao de tentativa, contra a vida do cidadán senegalés que tentou protexer a vítima dos ataques. Tanto el como o seu compañeiro, os únicos que interviñeron en defensa do mozo, teñen xa o permiso de residencia e a carta de traballo en España.

Noticias web

03/08/2021