CRTVG

Buscar

A defensa de Bárcenas propón un acareo do extesoureiro do PP con Rajoy

Publicado o 08/02/2021 13:04

O avogado do extesoureiro do Partido Popular Luis Bárcenas non descarta solicitar un acareo do seu cliente co expresidente do Goberno Mariano Rajoy.

No xuízo que comezou hoxe na Audiencia Nacional polo suposto financiamento da reforma da sede do PP con cartos procedentes da contabilidade en B, o representante legal de Bárcenas, Gustavo Galán, dixo: "Non me gusta xerar un circo", pero indica que a declaración de Rajoy é coherente.

"En coherencia procesal resultaría ilóxico que esta defensa non solicitase esta testifical", dixo, e engadiu que en alusión á citación como testemuño de Rajoy. E engadiu que, aínda que "non me gustaría como avogado xerar ningún tipo de circo", non pecha a porta a que o tribunal valore a posibilidade de, "se existisen contradicións", someter o tamén expresidente do PP a un acareo con Bárcenas.

O letrado tamén pediu novas probas testificais, fundamentalmente a declaración dos xornalistas Francisco Mercado, Eduardo  Inda, Ernesto Ekaizer e María Luísa Bernal, que terían, ao seu entender, coñecemento dunha gravación de 8 minutos en que o predecesor de Bárcenas como tesoureiro do partido, o falecido Álvaro Lapuerta, manifestaba que existían pagamentos a exdirixentes do PP.

O avogado de Bárcenas dixo que desde 2013 este estivo colaborando coa xustiza e explicou que no xuízo da Gürtel rexeitou responder as preguntas que se lle fixeron sobre a caixa B ao entender que ese non era o obxecto dese xuízo e debía reservarse as explicacións sobre a contabilidade opaca do PP para este procedemento.

A este respecto, a Fiscalía acaba de facer público un comunicado sobre o escrito presentado por Luis Bárcenas ante este órgano hai uns días en que amosa a súa disposición a colaborar coa xustiza. Na nota, a Fiscalía asegura que en ningún momento se lle pediu a Bárcenas colaboración ningunha e asegura que o extesoureiro achega "escasas novidades" no escrito.

A infección por coronavirus dun dos cinco acusados, o exxerente do PP Cristóbal Páez, non impediu que seguira o xuízo por videoconferencia e que o seu avogado expoña as súas cuestións previas.