CRTVG

Buscar

A débeda pública marca récord en setembro de 1,31 billóns, o 114,1 % do PIB

Publicado o 17/11/2020 12:37
A débeda pública marca récord en setembro de 1,31 billóns, o 114,1 % do PIB

A débeda do conxunto das administracións públicas marcou un novo máximo histórico en setembro ao situarse en 1.308.439 millóns de euros, o que equivale ao 114,1 % do PIB.

Segundo os datos actualizados este martes polo Banco de España, a débeda incrementouse en setembro en 9.703 millóns con respecto a agosto e en 104.618 millóns con respecto a setembro de 2019.

O Banco de España detallou que esta débeda equivale ao 114,1 % do PIB, tomando como PIB o acumulado do últimos catro trimestres conforme ao avance publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) o pasado 30 de outubro.

A maior parte do endebedamento público concentrábase no Estado, 1.171.504 millóns, tamén récord, tras incrementarse en 10.106 millóns desde agosto.

A débeda das administracións da Seguridade Social creceu en 2.250 millóns en setembro, ata alcanzar os 74.855 millóns.

En cambio, as comunidades autónomas reduciron o seu endebedamento ata os 301.959 millóns, 730 menos, e as corporacións locais, ata os 23.861 millóns, 696 millóns menos.

A suma da débeda das diferentes administracións non coincide co total porque inclúen tamén os préstamos entre elas.

A maioría da débeda atopábase en valores representativos de débeda, tanto a longo prazo (1.057.832 millóns) como a curto (87.132 millóns), mentres o resto repartíase en préstamos (158.514 millóns) e efectivo e depósitos (4.961 millóns).