CRTVG

Buscar

A danesa Jysk abre en Ribadeo a súa segunda tenda en Galicia

Publicado o 30/07/2021 15:52

Abriu a súa primeira tenda en Dinamarca no ano 1979 e dende entón non deixou de medrar. A empresa de mobles Jysk repite experiencia en Galicia, tras a súa primeira aterraxe en Oleiros. Agora chega a Ribadeo. 

"É unha poboación moi estratéxica porque supón un importante foco comercial, afectando non só a Galicia e á comarca da Mariña oriental, senón tamén a Asturias pola súa proximidade xeográfica", di Carlos Haba, responsable de Jysk en España e Portugal.

"Son tendas duns mil metros con cerca as unhas das outras, ese é o noso proxecto, a nosa gran ilusión de cara ao futuro, que todo o mundo teña un Jysk moi preto da súa casa", explica Salvador Díaz, responsable de zona.

A súa expansión pasa por seguir apostando por Galicia nun futuro próximo. En Ribadeo crearon por agora 11 postos de traballo directos.

"A verdade é que a empresa o que fai é apostar por xente da comarca cun contrato indefinido dende o primeiro día", conta Pablo.

Jysk entrou en Ribadeo co bo pé, onte fixeron récord de vendas. Os veciños parecen estar contentos. 

"A verdade é que si, e de feito falabas con xente local e dicían que era bo que viñesen compañías apostando por zonas pequenas para poder darlles traballo e que a xente tivera máis opcións e non ter que moverse sempre a zonas como A Coruña ou Asturias para poder ter unha cousa que é de uso diario para todo o mundo".

Noticias web

30/07/2021