CRTVG

Buscar

A gota fría provoca graves inundación no Levante e no interior de España

Publicado o 02/09/2021 09:08

As riadas ocasionaron graves inundacións no sur de Tarragona e no norte de Castellón nas últimas horas. A chuvia torrencial obrigou a cortar estradas, a interromper o servizo de trens e a realoxar 70 persoas do cámping de Alcanar.

En Castela-A Mancha as olladas están moi centradas en Cuenca e mais en Guadalaxara, pero este mércores Toledo sufriu gravemente as consecuencias da enorme descarga de auga, que causou riadas que levaron por diante ducias de coches, coas rúas convertidas en ríos en varias localidades da contorna da capital da rexión. Incluso un desprazamento de terras nunha entrada da cidade bloqueou o acceso ao novo hospital, que recibiu a comida para os pacientes grazas a un dispositivo con vehículos todo terreo. Pero houbo máis danos materiais: os estragos nunha nave de Amazon fixeron que parasen a actividade. Hoxe Toledo aínda amenceu con estradas cortadas.

"Saín nadando do meu coche", di un home. "Demos saído pola ventá da furgoneta, xa non sei onde está", di unha muller

Así estaba á tarde a estación de tren de Toledo. A depresión illada en niveis altos (DINA) afectou ao tráfico ferroviario; suspendeuse a circulación da alta velocidade entre esta cidade e mais Madrid. As autoridades de Castela-A Mancha pídenlles aos veciños que eviten desprazamentos despois de vivírense onte situacións tan críticas coma esta en que actuou a Garda Civil: o rescate na localidade de Cobisa de dous anciáns con hipotermia atrapados na súa casa. Os efectivos de emerxencias continúan en nivel un de alerta

Na localidade tarraconense de Alcanar chegáronse a acumular en poucas horas 212 litros, 77 litros por metro cadrado en tan só media hora.

As rúas convertéronse en ríos e a auga arrastrou todo. Moitos coches acabaron no mar.

As riadas asolaron as comarcas catalás de Baixo Ebro e o Montsá.

Varios veciños quedaron atrapados e tiveron que ser rescatados das súas casas polos bombeiros.

Máis de 5.500 usuarios quedaron sen luz.

O cámping de Alcanar quedou arrasado pola auga, que danou unha ducia de bungallows, e 70 persoas quedaron confinadas nun restaurante. Algunhas persoas mesmo foron rescatadas en helicóptero. Habilitouse un pavillón municipal para acoller medio cento de persoas. Foi unha xornada de non parar para os bombeiros e servizos de emerxencia. Das máis de 600 chamadas que recibiu o 112, 420 delas foron desde esta localidade.

As graves inundacións ocasionaron cortes de estradas e de liñas ferroviarias. Ás dez da noite, o servizo de tren entre Barcelona e Valencia inda seguía interrompido. Tamén se cortou a liña entre Castelló e Tarragona.

Na localidade valenciana de Vinarós rebordou un barranco. A DINA, ou gota fría, afectou especialmente a comarca do Baix Maestrat, e sobre todo o sur da provincia de Castellón.

Máis dunha vintena de persoas tivo que ser rescatada dos seus coches na nacional entre Vinarós e Ulldecona. Ata sete dotacións de bombeiros da Generalitat tiveron que acudir a realizar rescates.

Para hoxe a AEMET prevé que continúen as treboadas localmente fortes no val do Ebro e na Comunidade Valenciana.

Noticias web

02/09/2021