Plan estratéxico para que os viños do Ribeiro afronten o futuro
Factores alleos á denominación, como a meteoroloxía, pero tamén outros condicionantes propios, provocaron o descenso da produción nos últimos anos. A última colleita foi dous millóns de quilos inferior á de 2016 polas xeadas e as pragas. Contra iso pouco se pode facer.
Porén, o que pretenden os responsables do Consello Regulador é atopar solucións a outros elementos máis preocupantes, tales como o descenso paulatino de viticultores, que non teñen relevo xeracional, e o abandono de viñas.
A través dun convenio coa Deputación, o Consello vai elaborar unha diagnose da DO, sobre a que sentar despois as bases dun plan estratéxico que fixe as liñas de futuro.
Actualmente 115 adegas e 2.200 hectáreas están acollidas á denominación. Ampliar a superficie con selo de orixe, recuperar viñedos abandonados e favorecer a incorporación de xente nova son, para comezar, os principais retos dunha denominación que ten xa 86 anos de existencia.