CRTVG

Buscar

A Croacia de Modric, rival de España nos oitavos de final da Eurocopa

Publicado o 23/06/2021 21:24

A subcampioa do Mundo está nos oitavos de final da Eurocopa conducida polo talento e a experiencia de Luca Modric. Croacia impúxose a Escocia 3-1 cun gol e unha asistencia do centrocampista do Real Madrid, un gran remate desde fora da área, co que puxo o 2-1.

Con 35 anos, Modric é o máis veterano en marcar para Croacia nunha Eurocopa e tamén foi o máis novo en facelo, un mérito que aínda ninguén lle arrebatou. O 3-1 serviullo a Perisic desde o córner. Croacia adiantárase no primeiro tempo co gol de Vlasic e empatara McGregor para Escocia antes do descanso. Os escoceses despídense así da Eurocopa e Croacia xogará contra España en Copenhague o próximo luns por unha praza nos cuartos de final.

E como líder deste grupo pasou Inglaterra, coa vitoria sobre a República Checa en Wembley, co único gol de Sterling antes do cuarto de hora. O xogador do City rematou de cabeza un centro preciso de Grealish. Inglaterra clasifícase con dúas vitorias, un empate e apenas dous goles a favor. O seu rival en oitavos sairá do último grupo en resolverse e o máis duro, con Alemaña, Portugal e Francia.

Noticias web

23/06/2021