CRTVG

Buscar

A crise do coronavirus ameaza a economía mundial

Publicado o 03/02/2020 09:06

Fóra de España, o número de vítimas mortais polo coronavirus elévase a 361 persoas. Todas na China, agás unha nas Filipinas. Pero á parte das consecuencias humanas, a epidemia ameaza con poñer en risco a economía do xigante asiático e, por contaxio, toda a economía mundial. Pequín adopta medidas para conter o impacto nos mercados mentres se prepara para abrir dentro dunhas horas o hospital que construíron en dez días para dar resposta á alerta sanitaria. 

Hoxe rematan na China as vacacións do ano novo lunar e millóns de chineses regresan ao traballo. Nalgunhas cidades do país adiouse a volta para evitar os desprazamentos masivos e controlar a expansión do coronavirus. O Goberno de Pequín trata de volver á normalidade tras dúas semanas de parálise. A Comisión Nacional de Saúde pediu, con todo, que se intensifique a prevención e emitiu directrices para áreas públicas e transporte público. Aínda que a empresas comezan hoxe a reincorporar os seus empregados, colexios e universidades continuarán pechados. Tamén seguirá paralizada a provincia de Hubei e a súa capital, Wuhan, epicentro do foco do coronavirus. Alí a epidemia segue fóra de control.

Nas últimas horas, científicos italianos do Instituto de Enfermidades Infecciosas anunciaban que lograran illar a secuencia xenética do virus. Hai dez días, xa o lograran os chineses, pero non o distribuíran. Este fito permitirá estudar como deter a súa propagación.

Á parte das consecuencias humanas, a Pequín preocúpalle que o contaxio sexa tamén económico. O xigante asiático, que representa o 16% do PIB mundial, xa viña tocado pola guerra comercial cos Estados Unidos. As autoridades chinesas temen que a crise sanitaria provoque unha desaceleración que podería afectarlle, á súa vez, unha ou dúas décimas ao crecemento mundial, porque moitas multinacionais fabrican os seus produtos en China. Hoxe reabren os mercados bolsistas, pechados desde hai máis dunha semana, e o Banco Central chinés anunciou unha inxección de 157.000 millóns de euros de liquidez para aminorar o impacto da crise.

E mentres, o país quere dar mostra do seu potencial. Hoxe inaugura o novo hospital construído en Wuhan, nun tempo récord. Só dez días de traballo intensivo con ducias de guindastres traballando día e noite. 34.000 metros cuadrados, con espazo para mil camas, feito á base de estruturas metálicas prefabricadas que se unen con parafusos. Xa están construíndo un segundo. Serán para acoller os infectados polo virus, que ascenden xa a 17.000 persoas. Fóra da China, hai preto de 170, 20 deles en Europa.

Noticias web

03/02/2020