CRTVG

Buscar

A covid−19 segue a asediar Arteixo, cos contaxios en aumento e datos negativos nos centros educativos

Publicado o 01/02/2021 11:37

O concello coruñés de Arteixo volve ofrecer esta mañá datos negativos na súa loita contra o coronavirus. Hai oito novos contaxios e a incidencia acumulada, o índice que permite comparar a evolución da pandemia con outros concellos, é case o dobre ca a da Coruña. Chega xa a 1.739 casos por cen mil habitantes nas últimas dúas semanas, o peor dato dos municipios da área metropolitana coruñesa. A veciñanza está preocupada.

"A situación está bastante comprometida, complicada", recoñece un veciño.

Os datos negativos tamén se reflicten nos centros escolares. Tres deles superan os vinte e catro casos positivos. Xunto con Tui, Arteixo é o concello galego onde houbo que pechar máis aulas, en total once.

"Nós non a estamos mandando á escola precisamente porque hai moitos casos, e entón, están mandando clases virtuais", comenta unha veciña.

Para outros a solución é o peche dos centros: "O que tiñan é que pechar agora ata despois do Entroido, e despois ver como ía a cousa, pero así...". "Estámolo mandando porque non nos queda outra, que se non, non ía o neno á escola".

Os veciños só se explican o castigo da pandemia pola intensa mobilidade que o concello mantén con outros municipios por mor da súa importante actividade industrial. Confían en reducir pronto o número de contaxios, pero actualmente Arteixo figura coma o quinto concello galego con máis positivos, só superado pola Coruña, Vigo, Ourense e Santiago de Compostela.

Noticias web

01/02/2021

Máis sobre Arteixo