CRTVG

Buscar

A covid destruíu en Galicia 18.098 empregos en 2020 e deixou no paro 24.279 persoas

Publicado o 05/01/2021 14:54

• No conxunto do estado hai 360.105 cotizantes menos e 724.532 parados máis

A pandemia de covid-19 destruíu 18.098 empregos en Galicia ao longo de 2020. Esa é a caída de cotizantes á Seguridade Social que se produciu no país ao longo deste ano. Agora mesmo hai 1.002.161 ocupados, o que supón unha caída do 1,77 %, fronte ao descenso do 1,86 % de media estatal.

Neste mes de decembro sumáronse en Galicia 2.115 persoas á lista do paro no mes de decembro, o que fai pechar o ano con 189.587 parados, 24.279 máis ca hai un ano, un incremento do 14,69 por cento, inferior ao 22,90 de suba que se produciu no conxunto de España.

Caída tras seis anos de creación de emprego

O efecto do coronavirus rompeu seis anos consecutivos de crecemento do emprego en España, cunha perda de 360.105 afiliados medios á Seguridade Social que deixa o saldo total de ocupados en 2020 en 19.048.433 persoas, o 1,86 % menos ca un ano antes e a primeira caída anual desde 2013.

O paro rexistrado nos servizos públicos de emprego subiu por primeira vez en 2020 tras sete anos consecutivos de descenso, con 724.532 rexistrados máis no desemprego, o que eleva o saldo total a 3.888.137 persoas, de acordo cos datos publicados este martes polos Ministerios de Traballo e de Seguridade Social.

en decembro a Seguridade Social sumou 26.432 afiliados, o menor aumento para un mes de decembro en oito anos, en tanto que o paro rexistrado creceu en 36.825 persoas, a primeira subida para este mes desde 2011.

A maior destrución de emprego produciuse no sector servizos, con 323.277 afiliados menos no ano, ata un total de 14.407.960 a peche de ano, mentres que na industria perdéronse 45.699 afiliados, co que o total baixou a 2.239.834.

Pola contra a agricultura, gandería e pesca gañou 5.331 afiliados no ano, ata un total de 1.151.695, mentres que a construción sumou 3.541, ata un total de 1.248.944 rexistrados.

A maior destrución de emprego anual rexistrouse en Cataluña, con 75.715 afiliados menos, seguida de Madrid (-71.749), Andalucía (-51.018) e Canarias (-45.743), aínda que en termos relativos foron Canarias e Baleares as que máis sufriron, con caídas de afiliación do 5,53 % e o 4,18 %, respectivamente.

O 2020 finaliza con 755.613 traballadores en ERTE

O ano 2020 cerrou con 755.613 traballadores en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), a maioría derivados pola pandemia, tendo en conta que en decembro o número de notificacións de ERTE incrementouse en 8.033 persoas respecto das recibidas en novembro.

Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións difundidos este martes a finais de ano produciuse unha estabilización do número de traballadores en ERTE tras a última prórroga que entrou en vigor o 1 de outubro.

En Galicia o número de traballadores que están nestes momentos en situación de ERTE son 33.772, dos cales 19.116 son mulleres e 14.656 son homes.