A covid-19 marca unha Diada sen multitudes
2.850 cadeiras baleiras, unha por cada un dos que Omnium Cultural chama represaliados, e aos que o presidente Torra e outros dirixentes puxeron nome. Desde o outro bando, Sociedade Civil Catalá fretaba unha avioneta para pasear sobre as praias da comunidade un chamamento a frear a decadencia de Cataluña. A pandemia obriga a tirar de imaxinación para celebrar unha Diada, por primeira vez en anos, sen multitudes pero coas reivindicacións do independetismo intactas.
Meritxell Budó, voceira da Generalitat, cre que "lonxe de atopar unha saída dialogada ao conflito político entre Cataluña e o Estado español, segue a represión e, por tanto, máis que nunca ten sentido que sexa unha Diada nacional reivindicativa"
Roger Torrent, presidente do Parlamento de Cataluña, dixo que "queremos que sexa a derradeira Diada nacional con represión, con presos e exiliados, que sexa a derradeira Diada con demócratas nos cárceres"
Tamén quedaron reducidas á minima expresión as ofrendas a Rafael Casanova, emblema da resistencia aos exércitos borbónicos hai hoxe 306 anos. O máis parecido ás grandes marchas doutros anos foron as case 60.000 persoas que xuntou a Asemblea Nacional Catalá, divididas iso si en 131 actos diferentes. Un formato que aínda así criticou a oposición.
Carlos Carrizosa, líder de Ciudadanos en Cataluña, criticou que a Generalitat "imponlle restricións sanitarias ao cidadán de a pé mentres deixa que a ANC convoque milleiros de persoas a pesar de que os expertos sanitarios o desaconsellaron"
Os socialistas cataláns reivindicaron a futura Lei da memoria democrática como a mellor homenaxe ao expresidente Companys, fusilado tras a Guerra Civil e para quen Torra esixiu onte unha petición de perdón do rei Filipe VI. Os únicos incidentes da xornada foron o corte da liña do AVE entre Barcelona e a fronteira francesa, a queima dunha foto da familia real e o altercado provocado pola colocación por parte dun xornalista dunha bandeira española na homenaxe a Casanova.