CRTVG

Buscar

A COVID-19 destruíu un millón de empregos no segundo trimestre, segundo a EPA

Publicado o 28/07/2020 13:40

O coronavirus deixa a maior destrución de emprego da serie histórica: un millón de ocupados menos no segundo trimestre, segundo os datos da EPA.

De todos os sectores sen excepción, pero con especial impacto no turismo e na hostalería. E sen contar os que están en ERTE.

Perdeuse emprego en todas as comunidades, agás nas Baleares. En Galicia quedaron sen traballo 32.600 persoas.

Porén, os datos non se corresponden cunha suba do paro. De feito aquí baixa en 14.200 persoas, deixando a taxa no 11,9%, tres puntos por baixo da media estatal, con 142.500 desempregados.

No conxunto de España si subiu o paro, en 55.000 persoas, deixando a taxa no 15,3% e o número total de desempregados en 3.368.000.

É moito menor o incremento do paro que a destrución de emprego porque a maioría dos afectados pasaron a considerarse inactivos e non parados, xa que non buscaban emprego polo peche das oficinas e tamén das empresas.

Si destaca a suba do paro entre os menores de 25, cunha taxa do 39,6%. E tamén aumentan os fogares con todos os membros en paro. Xa son máis de 1.100.000.