CRTVG

Buscar

A covid-19 deixa sen socorristas catro praias de Sanxenxo

Publicado o 16/07/2021 15:05

A situación da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés continúa empeorando. O número de contaxios segue en aumento e nas últimas 24 horas detectáronse 263 novos positivos. Pola súa parte, a presión hospitalaria, aínda que máis baixa que en ondas anteriores, xa comeza a ser perigosa. Os sanitarios alertan de que os efectos de todos os casos positivos que se están rexistrando nas últimas xornadas aínda están por chegar.

Sanxenxo é un dos lugares que máis preocupa pola incidencia do virus, que nos últimos días chegou ata o equipo de socorristas. Dous traballadores deron positivo, o que obrigou a manter en illamento outros nove. Isto provocou que as praias de Area de Agra, A Lapa, Areas Gordas e Nosa Señora quedaran sen vixilancia de salvamento. A decisión de deixar sen este servizo estas catro praias veu condicionada polas condicións que presentan os areais, unha vontade que comparten tamén os seus usuarios.

Desde o Concello agardan que a situación se poida resolver o antes posible e devolver o servizo de salvamento a todos os areais da zona, tan concorrida nestas datas. 

Noticias web

16/07/2021